O servizo da Policía cada vez máis en precario

 

Novamente a Concelleira de Tráfico, Vanesa Fernández, saíu nos medios de comunicación para “facer propaganda”, demostrando unha vez mais que non ten clara unha liña de actuación, cousa que se pon de manifesto durante estes vinte meses que leva dirixindo a área de tráfico.

Unha vez mais, para o PP queda en evidencia a xestión desta concelleira, que primeiro defendeu a creación dunha praza de Inspector de Policía, que era necesaria e imprescindible, e agora dí que non vai cubrir ese posto.

Tamén amortizou dúas prazas de Axente de Policía porque non eran necesarias, e agora meses despois, sae dicindo que non lle chegan os axentes cos que conta o servizo, e que a culpa é de Montoro que non lles deixa contratar.

E resulta paradóxico, que sexa a mesma concelleira que fai un ano autorizou o traslado dun dos Axentes de Policía en comisión de servizo para outro Concello, cando sabe perfectamente que non ía poder cubrilo con ningún outro axente, e que o servizo tería un importante problema de persoal efectivo, como agora se demostra.

Tendo en conta que a Policía é un servizo especial este goza de certa excepcionalidade dentro da Lei, e así pódense contratar o 100% das prazas que se xubilen, e tendo en conta que o ano pasado houbo unha baixa, o que debía haber feito esta concelleira é iniciar o expediente de contratación moito antes e telo listo no mes de xaneiro para poder ser cuberto, e non estar falando no mes de marzo que está e está iniciando.

Con respecto a contratación de Auxiliares de Policía nos meses de verán, é algo que moitos anos se fixo e tamén moitos anos foron criticadas estas contratacións polo BNG e polo PSOE cando eran oposición. O que se fai é recurrir ó persoal que subvenciona a Xunta ou a Deputación por tres ou catro meses, pero que non resolve a problemática da policía en Ponteareas, porque estes traballadores só poden contratarse por uns poucos meses e non son policías de academia co cal non poden desempeñar moitas das funcións propias dun axente.

E xa outro tema no que novamente incide a concelleira son os “famosos” dispositivos electrónicos PDA´s, que despois de varios meses do seu anuncio, recoñece agora que ata o momento non teñen conexión con Tráfico e tal e como xa manifestaba o PP naquel momento, se non acceden ós datos de tráfico non benefician en ningún trámite ós axentes de Policía.

Todo isto pon de manifesto que a concelleira Vanesa Fernández non ten unha liña de actuación nin unha previsión do que pretende facer no servizo, e dependendo o día e “o estado anímico” toma unha decisión ou a contraria.