O Goberno impide debatir no Pleno unha moción do PP sobre a perda da Subvención destinada a asfaltar pistas de Cillarga, Cumiar e Mouro

 

-Na Comisión Informativa celebrada o 11 de xaneiro, o goberno municipal votou en contra de debater no próximo Pleno Ordinario unha moción do PP na que solicitaba a reprobación e a dimisión de Chus Garrote e o Sr Represas pola perda desta importante subvención destinada a mellorar a rede viaria do Concello.

O pasado 9 de xaneiro, o Partido Popular rexistrou esta moción no Concello de Ponteareas para que a Comisión Informativa de Vías e Obras da Corporación Municipal ditaminase a súa urxencia en base a esta grave perda dunha subvención que vai en contra dos intereses dos veciños e veciñas de Ponteareas.

Dende que o pasado 25 de xaneiro de 2016 AGADER ditaba resolución pola que se aprobaba o Plan Marco de Camiños Rurais coa listaxe dos concellos galegos beneficiarios, onde ao concello de Ponteareas correspondíalle a cantidade de 87.611euros (sen IVE), ata que na Xunta de Goberno do 29 de febreiro aprobaban solicitar o proxecto denominado “Mellora da seguridade Viaria en Cillarga, Cumiar e Mouro” cun presuposto total ive incluído de 87.611 euros,  do que xa sabían que tiñan que solicitar as correspondentes autorizacións, entre outras, a de Patrimonio para poder executar a obra, esperaron seis meses para facer a preceptiva solicitude de  autorización á Consellería de Cultura (Patrimonio), concretamente o 19 de xullo de 2016.

Agora, segundo o sr. Alcalde, a culpa da perda da subvención é de Patrimonio porque tardou moito en contestarlles, cando o que realmente pasou foi a nefasta xestión levada a cabo na tramitación do expediente desta subvención, na que unha vez máis o goberno tenta «botar balóns fóra», culpando a outros dos seus erros.

Pero o curioso é que para tapar os seus propios erros non se lles ocorreu mellor cousa que solicitarlle á Deputación axuda para esta obra que a denominan como 1ª Fase e cun importe diferente, o que vén a demostrar a chapuza da tramitación seguida por este goberno.

Para o PP queda clara, unha vez máis, a incompetencia e a neglixencia deste goberno na tramitación desta subvención que despois de ter practicamente un ano para redactar, executar e xustificar esta obra, o único que fixeron foi aprobar modificación tras modificación do proxecto inicial, así ata tres, quedando a obra sen executar e perdendo unha importante subvención da que ningún membro do goberno asumise responsabilidades por este cúmulo de despropósitos, é polo que o grupo popular presentou, para o seu debate no Pleno, unha moción na que se solicita que a Corporación municipal acorde a reprobación e a dimisión do Alcalde e da Concelleira de Vías e Obras pola perda desta importante subvención do Plan Marco de Camiños Rurais 2016 da Xunta de Galicia.