Represas Chus

O PP acusa ó Alcalde e a Concelleira de vías e Obras de perder a subvención do Plan Marco de mellora de camiños rurais 2016

 

-No Pleno ordinario de xaneiro o PP presentará moción para que a Corporación municipal acorde a “reprobación e a dimisión” tanto de Chus Garrote, como responsable da concellería, como do Sr Represas como Alcalde.

 

O pasado 25 de xaneiro de 2016 AGADER ditaba a resolución pola que aproba o Plan Marco de Camiños Rurais coa listaxe dos concellos galegos beneficiarios e onde ao concello de Ponteareas correspondíalle a cantidade de 87.611euros (sen IVE).

O 17 de febreiro o PP solicitaba un Pleno Extraordinario no que incluía unha moción para que no devandito Plan se incluíse a obra de “Mellora do Camiño de Cillarga dende o cruce do Misto ata o Barrio de Cillarga”. Sen embargo 12 días despois a Xunta de Goberno aprobaba solicitar dentro deste Plan outro proxecto denominado “ Mellora da seguridade Viaria en Cillarga, Cumiar e Mouro cun presuposto total ive incluido de 87.611 euros e cunha lonxitude total 0,9 km. ( Cillarga 340 m., Cumiar 300 m. , Mouro 240 m ).

O 7 de marzo no Pleno Extraordinario solicitado polo PP o portavoz do PP recordáballe a Sra. Garrote que habían aprobado un proxecto cun importe total de 87.611,01 euros cando deberían aprobalo como mínimo cun importe de 106.009,31 euros se é que querían ingresar o total da subvención concedida. Cuestión esta que foi respostada pola Sra.Garrote dicindo que lle sorprendía que o PP a acusase de “descoñecemento”.

Xa a finais de maio a Xunta de Goberno acordaba aprobar un novo proxecto coa mesma denominación pero cun importe diferente de 106.251,32 euros e a finais de novembro acorda aprobar un novo proxecto e solicitar a Deputación Provincial a financiación para o proxecto denominado “ Mellora da Seguridade Vial Cillarga, Cumiar e Mouro, 1ª Fase, cun orzamento total de  89.978,74 euros.

Para o PP todo isto é unha mostra máis dun goberno nulo na súa xestión e planificación que levan ao concello a perder unha subvención de 87.611 euros tan necesaria para continuar cunha das necesidades básicas como é o asfaltado de pistas da rede viaria municipal.

Para o portavoz do PP é lamentable que o Concello de Ponteareas sexa o único de Galicia que perde esta subvención cando a maioría dos concellos galegos xa executaron estas obras antes do verán.

Pero a incompetencia e a desidia deste goberno neste asunto e aínda maior cando despois de ter practicamente un ano para executar esta obra o único que fixeron foi ir aprobando ata tres novos proxectos, sen que saibamos a día de hoxe que é o que queren facer, porque a realidade é que xa rematado o ano 2016 non se fixo nada ao respecto, salvo perder unha importante subvención e sen que ningún membro do goberno asumise responsabilidades, e polo que no próximo Pleno o grupo popular presentará unha moción na que solicita que a Corporación municipal acorde a reprobación e a dimisión do Alcalde e da Concelleira de Vías e Obras pola perda da subvención do Plan Marco de Camiños Rurais 2016.