88a07779463fcb36b69aa3ddbde1a262 L

O Concello correo o risco de perder subvencións por estar sen xustificar os traballos e nalgúns casos sen licitar as obras

 

Dende o inicio desta lexislatura unha das cualidades que vén definindo a este novo goberno é a improvisación, a nula planificación e a nefasta xestión, e un exemplo máis de todo isto, queda patente nas axudas e subvencións que lle foron concedidas ó concello a principios de ano, tanto pola Xunta de Galicia como pola Deputación Provincial para distintas obras e proxectos e que a día de hoxe están sen rematar e algunhas sen licitar.

Así, no “Plan de Concellos da Deputación Provincial 2016” existen, a día de hoxe, obras sen licitar e sen executar coa posible perda das subvencións para a realización das mesmas.  E o mesmo acontece con outras da Xunta de Galicia, como o “Plan Marco de Camiños Rurais 2016”, onde se incluíu a obra de asfaltado de Cillarga, Cumiar e Mouro, que nin sequera se licitou.

É lamentable que a finais de ano, teñan aínda sen pagar as axudas aos clubs e asociacións deportivas, e que deixaran sen axudas, por primeira vez, a dous clubs históricos de Ponteareas como son o Sporting Club San Mateo Feminino e o Condado, isto denota que son un Goberno que non só esqueceu as promesas de fai un par de anos, na oposición, onde reclamaban para o deporte axudas por 100.000€ e agora non cumpriron, senon que ademais non son capaces nin de pagar en prazo o importe comprometido.

O mesmo sucede coas subvencións aos centros culturais, destinadas a paliar os custes de funcionamento e mantemento da Rede de Casas Culturais, nas que tampouco repartirán máis dos 40.000 euros aprobados polo PP, a pesar que tamén en lexislaturas pasadas esixían que se incrementase a partida ata 75.000 euros, e a día de hoxe seguen sen pagar.

Outra das subvencións que teñen sen entregar son as axudas ós libros, tan necesarias para as familias que as reclaman e que tiveron que desenvolsar os cartos no mes de setembro e agora o que reclaman é axilidade no pago. E o mesmo acontece co tan anunciado “Plan de emprego 2016” que xa case esta rematado o ano e aínda foi publicado o 7 de decembro no BOP a súa convocatoria.

Para o PP, toda esta situación é propia dun goberno irresponsable e que non sabe xestionar, porque ten á maioría dos colectivos de Ponteareas totalmente desatendidos, co cal para o único que parece serviu o acordo de gobernabilidade de BNG, PSOE e ART, non foi para mellorar, senon para cobrar un maior número de concelleiros e para malgastar cartos públicos en contratacións de empresas externas, algunhas delas de dubidosa efectividade e totalmente innecesarias.

Por último, o PP lémbralle ó Goberno que os colectivos e veciños están esperando percibir esa «gran xestión» que prometeron, porque ata agora non se percibe, e a realidade e que mentres o PP de Solla estivo gobernando as axudas recibidas doutras administracións eran xustificadas dentro do ano e xestionábanse as axudas con fondos municipais as asociacións, pagándose en prazo e con tempo suficiente para que estas dispuxeran dos cartos para as súas actividades, e iso que a situación económica xogaba en contra, e ainda así foise capaz de reducir a débeda histórica deste Concello e de dotar e mellorar servizos básicos para os veciños, como asfaltados, alumeados públicos, saneamentos, depósitos e traídas de augas, centros culturais e instalacións deportivos, parques e sendas fluviais.