Na denuncia polo «enganche ó suministro eléctrico», Solla limitouse a cumprir coa súa obriga ante uns feitos «presuntamente delictivos»

Ante as últimas manifestacións feitas polo portavoz do Grupo municipal ACIP, Juan Carlos González Carrera, que acusa a Salvador González Solla de haber interposto unha “denuncia non fundada” no ano 2013 por enganche ó suministro eléctrico municipal a unha empresa da súa familia, o portavoz do Partido Popular, Salvador González Solla, quere desmentir estas falsas acusacións.

En primeiro lugar, deixar claro que as revisións no alumeado público víñanse realizando en todo o alumeado incluidas as instalacións e edificios municipais, dende principios do ano 2012, trala adxudicación a tres empresas dos referidos traballos e dentro dun Plan de Aforro Enerxético municipal posto en marcha polo Goberno daquela.

Os traballos contratados coas distintas empresas consistiron no análise, revisión das necesidades e das instalacións eléctricas municipais mellorando e sustituindo aquelas que presentaban deficiencias.

En maio de 2012, durante os traballos que se realizaban na rúa Lavandeiras por empregados municipais e traballadores dunha das empresas contratadas, detectaron que nun dos cadros eléctricos existía un enganche non xustificado que conectaba cuns equipos de aire acondicionado instalados no exterior do edificio contiguo, que resultou ser as oficinas da empresa Limpezas Ponteareas.

Feitos que foron postos en coñecemento por empregados municipais e traballadores da empresa subcontratada ó Alcalde, razón pola cal, este ante a existencia destes feitos presuntamente delictivos como os que lle indicaron tiña a obrigación de interpor a correspondente denuncia e limitouse a cumprir as súas obrigas como alcalde e como cidadán, solicitando antes de presentar a denuncia os informes técnicos necesarios.

Salvador González Solla asegura que no tempo que tivo responsabilidades como Alcalde sempre actuou en pro dos intereses dos veciños e en defensa do Concello, e neste asunto foi totalmente transparente dende o primeiro momento.