Represas Chus Troncoso

O Goberno “dalle a espalda” ós veciños na redución dos impostos

 

-Os acordos do Pleno Municipal que aprobou, fai máis de tres meses a bonificación do 95% no Imposto de Plusvalías, e fai mes e medio a redución do Imposto de Vehículos (IVTM) e do Imposto de Construcións (ICIO), o Goberno tenos sen executar.

 

Despois de que pasaran suficientes meses para que o Goberno tripartito de Ponteareas estea ben “asentado no seu cargo”, os veciños empezan a darse conta que os concelleiros do BNG, do PSOE e ART xa se esqueceron das promesas electorais que lles fixeron no que atinxe á redución dos impostos.

Levan gobernando tempo máis que suficiente como para teren reducido os impostos que anteriormente cualificaban de “abusivos” e dos que dicían que ían en contra da reactivación da construción e do emprego, e agora dende que gobernan, por iniciativa propia, non os reduciron.

Foi a Corporación Municipal, quen acordou por maioría que se aplique unha bonificación do 95% no Imposto de Plusvalías, que se reduza o Imposto de Construcións nun 80% e o Imposto de Vehículos nun 12%, e o Goberno municipal tampouco executa eses acordos.

Temos un Alcalde que é incapaz de aceptar que os grupos políticos da oposición presenten iniciativas e propostas tendentes a mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, como as dúas Mocións que o PP presentou ó Pleno de setembro para reducir os impostos municipais, e que foron apoiadas pola maioría da Corporación. Daquela, o Sr. Alcalde afirmou que “estaba á espera do informe do Interventor”, servindo isto como escusa de demora, e despois de máis dun mes, seguimos sen ter noticias do devandito expediente.

 O portavoz do PP, que considera que o esforzo pedido ós veciños durante os 3 últimos anos para contribuír co saneamento das contas municipais remata este ano, vén de solicitar, polo Rexistro municipal, acceso e copia á petición feita polo Alcalde ou Concelleiro de Facenda ó Sr. Interventor para que emita informe en relación coa redución destes impostos, co fin de coñecer os termos de dita proposta, amais de coñecer en que data lle foi solicitado dito Informe ó Interventor.

Para o PP é curioso que os mesmos grupos políticos, BNG e PSOE, que votaron en contra de subir os impostos no ano 2013 dentro do Plan de Saneamento, agora estean pondo “trabas” a reducilos, sobre todo cando o Plan de Saneamento que levou á Corporación municipal a aprobar esas medidas remata a finais deste ano.