Plaza Mayor

O PP pídelle ao Goberno que mentres non se conclúan e consensuen os estudos encargados sobre a peonalización da Praza Maior que se volva á situación anterior

 

-O PP cualifica a medida imposta polo goberno local (BNG, PSOE e Riada do Tea) pechando ao tráfico boa parte do centro urbano de Ponteareas de un exemplo claro de totalitarismo, nula participación e consenso.

-A maioría da Comisión solicitou que se retiraran os sinais de prohibición e se deixara circular namentres non estean rematados os distintos estudos encargados polo Concello cos que poder tomar as medidas consensuadas e planificadas en beneficio  do conxunto dos afectados.

Dende o inicio desta lexislatura, unha das cualidades que vén caracterizando a acción de goberno é a improvisación e a nula planificación na xestión municipal, o que fai que tomen decisións a golpe de “decretazos”, sen ningún tipo de consenso e nula participación social e veciñal.

Un claro exemplo de todo isto é todo o relacionado coa peonalización da Praza Maior e rúas anexas, levada a cabo a mediados de maio, sen previo aviso, nin consenso algún cos grupos políticos da Corporación Municipal, comerciantes, hostaleiros e residentes, xustificándose unicamente nunha mellora da seguridade viaria.

Para o Partido Popular, estamos ante un goberno que improvisa as medidas e actuacións que pon en marcha, pechando primeiro o tráfico e, posteriormente, ante a presión dos propios afectados, acorda elaborar un Plan Integral de Humanización e petición do PP, unha comisión de traballo ao efecto.

Na última reunión da Comisión de Regularización do tráfico e uso peonil, celebrada o pasado venres día 21 de outubro, o PP esixiu ao goberno volver á situación anterior, mentres non se chegase a consensuar con todos os membros da comisión as conclusións de todos os estudos e plans encargados polo goberno local.

Nesta comisión, para o PP, quedou demostrado, unha vez máis, que este é un goberno da contradición e do engano, xa que neste tema, como en moitos outros máis, cando o BNG e o PSOE estaban na oposición, e ante unha posible peonalización da Praza Maior, daquela esixían ao goberno popular a elaboración previa e urxente dun Plan Integral de Humanización, participado e consensuado con todos os grupos políticos e coas Asociacións de Comerciantes, así como tamén solicitaban a construción dun aparcadoiro soterrado na praza de Bugallal, como medida provisional alternativa á peonalización, e na que o portavoz do PSOE  o Sr. Candeira  deixaba claro “que non se podería baixo ningún concepto peatonalizar o centro da vila ata que non se resolverá dita construción”, cuestión pola que dende o PP non entendemos este cambio de postura do PSOE e o BNG.

Pola contra, agora este goberno intenta escudarse en diferentes estudos, análises e proxectos recentemente anunciados, todos eles realizados sen ningunha planificación; un exemplo claro é que durante estes 16 meses de goberno, primeiro, o concelleiro de comercio do PSOE encarga un proxecto denominado “Análise do uso do espazo público e actividades comerciais na vila de Ponteareas” cun custo para este Concello de preto de 5.000 euros e cuxas propostas e conclusións descoñecemos.

Uns meses despois, a concelleira de ensino anuncia, logo da súa participación nunhas Xornadas en Granada, que Ponteareas actuará no núcleo urbano seguindo os criterios do proxecto “A Cidade dos Nenos” de Francesco Tonucci,  que tamén descoñecemos cal é ese proxecto e cales eses criterios.

Catro meses despois, anuncian a elaboración doutro plan denominado “Plan de Desarrollo Urbano Sostible para Ponteareas” que financiará a propia Deputación de Pontevedra, e, un día despois, informan dun novo encargo a unha empresa valenciana para que elabore outro plan denominado “Plan Básico de Dinamización Comercial” do cal tamén descoñecemos os seus fins e o custo que vai supor para as arcas municipais.

Para o PP, todo isto, resúltanos curioso e chámanos a atención de que todos estes proxectos, estudos e análises teñan un mesmo perfil, en canto a obxectivos e fins, polo que cremos que ademais dunha clara improvisación da acción deste goberno, nas contratacións destes estudos e plans estaremos malgastando cartos públicos para os mesmos fins.

Ante todo este cúmulo de despropósitos, dende o PP pedímoslle ao goberno, que mentres non se teñan as conclusións consensuadas de todos estes plans e proxectos que definirán, entre outras cuestións, as posibles zonas peonís, direccións de rúas, aparcadoiros…, déixense sen efecto as medidas de peche ao tráfico nas rúas do centro de Ponteareas, xa que nestes momentos están afectando de forma moi negativa ao comercio local desta zona.