Castro Trona

O PP culpa á Deputación Provincial e ó Concello do abandono do Castro de Troña

 

-O PP culpa á Deputación Provincial e ao Concello de non cumprir os compromisos adquiridos nun Protocolo de Colaboración para o mantemento e posta en valor dos 18 xacementos galaico-romanos da provincia.

-O PP esíxelle ao Concello que inste á Deputación a que manteña limpo o Castro de Troña e inicie a súa consolidación.

 

Dende o GM do PP lamentamos a postura do goberno municipal apoiando a estratexia da Deputación Provincial culpando ao Ministerio de Fomento do abandono dos castros, cando en realidade non é máis cunha escusa para xustificarse de que moitos dos castros da provincia están totalmente abandonados.

Para o PP de Ponteareas é unha magoa o estado de abandono que presentan unha boa chea dos xacementos galaico-romanos e particularmente o de Troña, como tamén é lamentable a actitude que esta tomando a Deputación neste asunto, que en vez de ser unha institución colaboradora con outras administracións e colectivos, está constantemente mergullada na confrontación para camuflar os seus propios erros, polo que pedímoslle ao goberno municipal que, en vez de seguirlle o xogo á Deputación, inste a que o ente provincial negocie co Ministerio unha solución para desbloquear a situación, sempre pola vía do diálogo e da colaboración, xa que tanto o Concello como os veciños e visitantes sairán gañando.

En marzo de 2015, a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento asinaron un Protocolo de Colaboración para a posta en valor de 18 castros da provincia de Pontevedra, entre os que se atopaba o Castro de Troña en Ponteareas, e no que a Deputación comprometíase a aportar 2,1 millóns de euros para a realización das labores de escavación, limpeza e mantemento e o Ministerio a aportar 4,3 millóns de euros para a musealización e sinalización.

Polo tanto, na actualidade, se os castros da provincia, e particularmente o de Troña, están nun absoluto estado abandono, non se lle pode botar toda a culpa ao Ministerio, xa que parece difícil que este poidan comezar as súas tarefas de musealización e sinalización sen que antes a Deputación remate os traballos de limpeza e o periódico mantemento.

A día de hoxe, a Deputación tan só executou a metade dos seus compromisos, tendo pendente de investir 1 millón de euros, e anunciou en pasadas datas a paralización das actuacións no resto dos xacementos, entre o que se encontra o Castro de Troña (Pías), e agora saen culpando ao Ministerio do estado de abandono dos mesmos, cando o propio protocolo di claramente que é á Deputación a quen lle corresponden as tarefas de limpeza, mantemento e escavación.

Polo tanto, dende o GM do PP culpamos ao Concello do estado total de abandono do Castro de Troña, xa que nunca o castro estivo neste lamentable estado, esixíndolle que o limpe e o manteña e  se non o fai como ata o de agora, que esixa á Deputación a que o faga, xa que lle corresponde segundo o protocolo asinado.