Rueda De Prensa Sede2 Pxom 30sep2016

O único responsable do retraso na tramitación do PXOM é o Goberno tripartito (BNG-PSOE-ART)

 

Segundo o portavoz do PP, Salvador González Solla, fronte a responsabilidade mostrada polo Partido Popular en toda a tramitación do PXOM, sobre todo na aprobación provisional, está un goberno que vendeu esta aprobación como o seu maior logro ata a data, cando parte deste goberno nin sequera apoiou este documento ( abstención de ART), e a pesares de que no seu Pacto de Goberno asinado en xuño de 2015, unha das súas prioridades era aprobar o PXOM á vez que o Plan Parcial da Lomba.

Para o PP resulta curioso que agora este goberno tripartito nos acuse de cambio de postura na tramitación do PXOM, esixindo o envío urxente das resolucións das alegacións presentadas polos alegantes, cando non fai moitos meses atrás, o BNG e o PSOE na oposición, antepoñían unha e outra vez o seu apoio á aprobación provisional do PXOM ao cumprimento de dous condicionantes absolutamente necesarios e irrenunciables para eles: o primeiro, a vinculación da aprobación do Plan Parcial da Lomba á aprobación do PXOM, e segundo, o envío de maneira urxente de todas as resolucións das alegacións presentadas, antes da aprobación provisional, por responsabilidade e transparencia cos colectivos e veciños que as presentaron.

No que atinxe ó Plan Parcial da Lomba, en xullo de 2015 anunciaron a inmediata redacción do Plan Parcial da Lomba, en xaneiro de 2016 condicionaron este Plan Parcial á aprobación do orzamento, e finalmente a data de hoxe, todo quedou como outros tantos anuncios máis, en nada de nada, esta é a realidade destes 16 meses do goberno local, onde impera a máis absoluta parálise e todo se converte en anuncios e notas de prensa carentes de rigor.

Polo tanto, este goberno ademais de incumprir os seus propios acordos, mentíronlles aos empresarios da Lomba na reunión celebrada con eles xa fai uns cantos meses.

Respecto ó envío das alegacións, resulta curiosos que cando estaban na oposición esixían que se enviasen incluso antes da aprobación provisional, e agora, ademais de non envialas ata aprobación provisional, amparándose cando lles interesa na Lei, levan 8 meses xa dende que adquiriron este compromiso sen que a día de hoxe aínda non as enviaron todas, escusándose agora en que xa non é necesario envialas ata a aprobación definitiva do PXOM.

Tamén resulta curioso o cambio de postura do BNG , xa que cando estaban na oposición manifestaban publicamente que nunca apoiarían este documento de aprobación provisional do PXOM porque era o Plan dos Contratistas, dos “pelotazos”,… e agora despois de perder 8 meses en analizalo detalladamente, votaron a favor do mesmo documento rematado polo PP na pasada lexislatura, na que os cambios introducidos por eles non supuxeron cambios substanciais respecto da clasificación e cualificación do solo, tal e como se pode constatar nos distintos informes técnicos e xurídicos preceptivos para súa aprobación.

Polo tanto para o PP, os únicos responsables do atraso na tramitación do PXOM é o goberno tripartito, xa que ademais da pésima tramitación levada a cabo nestes 16 meses, cun documento rematado e con todos os informes sectoriais favorables, estiveron:

  • 8 meses para a aprobación provisional, a pesar de ter un documento rematado e con todos os informes favorables a principios de xullo de 2015, xustificándose na introducción de cambios no documento pouco significativos, e de índole menor segundo declaracións da concelleira de urbanismo.

Documento, no que o PP dende o primeiro momento non puxo ningún impedimento, nin atrancos para a aprobación do mesmo.

  • E outros 8 meses para enviar unha parte das resolucións das alegacións, a pesar de ser un compromiso e esixencia deles cando estaban na oposición.

Por último, respecto a que din que lles estraña a postura do PP e que non avisamos, nin entenden o noso cambio de postura, dicirlles que xa o PP cando estaba no goberno adquiriu este compromiso cos diferentes colectivos, e condicionamos o noso apoio á aprobación provisional unicamente a tres requisitos plantexados nun comunicado enviado por rexistro de entrada ao Alcalde o día 22 de xaneiro de 2016 e publicado en prensa (dez días antes do pleno de aprobación provisional celebrado o 2 de febreiro).

Polo tanto, isto non é nada novo, nin entendemos por que se estrañan, para o PP o que ten que facer dunha vez este goberno é respectar os compromisos que adquiriron cos veciños e colectivos que presentaron alegacións ao PXOM, e por suposto, dunha vez por todas, respectar á oposición, e a este GM do PP, xa que por responsabilidade no mes de febreiro deu o seu apoio ao documento de aprobación provisional para que este concello non perdera un traballo ben feito e un desembolso económico importante, unicamente a cambio exclusivamente de que se enviasen urxentemente todas as alegacións, que a día de hoxe aínda, non se enviaron.

Razón pola cal, este GM do PP, xa llo dixemos no pleno pasado e volvémosllo a reiterar ao Sr. Represas,  que ata que a Secretaria Municipal nos certifique que todas as resolucións das alegacións foron enviadas, este grupo seguirá absténdose, e por suposto, se convocan un pleno extraordinario con este único punto na orde do día, o GM do PP non asistirá.

Por iso, pedímoslles que este goberno cumpra, dunha vez por todas, os seus compromisos por responsabilidade e respecto aos nosos veciños, que ben o merecen, e se deixen de utilizalos cando lles convén politicamente e ignoran cando os necesitan.