A Oposición obriga ó Goberno a retirar a modificación do Orzamento 2016

 

-A oposición en bloque (PP, ACIP e IU) votou en contra de aumentar os cartos para festas e de eliminar parte da asignación económica para a RPT.

Esta mañá celebrouse un Pleno Extraordinario convocado polo Alcalde de xeito urxente o venres pasado, con dous únicos asuntos, o primeiro punto era facer unha modificación presupostaria do recentemente aprobado Orzamento 2016 para incluir na contabilidade facturas do ano 2015 que o Goberno gastou sen ter partida económica e por outro lado, para aumentar os cartos destinados a festas, e o segundo punto era para aprobar que o Goberno solicite unha subvención.

Esta convocatoria de Pleno urxente demostra unha vez mais as prioridades dun Goberno que vai “dando tumbos”, porque hai moitos asuntos importantes pendentes de traer  ó Pleno e poideron aproveitar a convocatoria, pero non lles interesa porque son iniciativas do PP, como é o caso de dotar diñeiro para facer fronte a Paga Extra dos funcionarios ou aplicar a bonificación no Imposto de Plusvalías xa aprobado polo Pleno fai 2 meses a petición do PP, e que a día de hoxe segue sen estar en vigor, co consecuente perxuizo para os nosos vecinos.

O asunto da modificación orzamentaria foi rexeitada por todos os concelleiros da oposición (PP, ACIP e EU), porque o documento “realista”, tal e como o definía o Sr Represas, que acabaría coas modificacións orzamentarias, que remataría coas “sorpresas” de novas obrigas e “facturas no caixons”, e que acabaría cunha situación “totalmente desfasada” agora voltouse tamén “desfasado” e require cambios.

A verdade de todo isto é que tiñan facturas do ano 2015, de gastos de setembro a decembro, sen contabilizar e por importe de 44.000 €, facturas que no mes de xaneiro e febreiro deste ano xa estaban no concello, co cal ben podían habelas incluido no Orzamento 2016 que se tramitou no mes de maio, pero prefiriron “escondelas” e agora non lles queda mais remedio que afloralas a contabilidade se queren pagalas.

O grupo popular votou en contra porque é “incoherente” que un mes e medio despois de aprobarse o Orzamento queiran modificar partidas que eles mesmos acordaron, sen contar en ningún caso coa opinión nen coas propostas feitas polo PP, e porque é totalmente ilóxico que estén plantexando reducir o importe reservado no orzamento para a RPT (Relación de Postos de Traballo) cando o compromiso do Concelleiro de Persoal e Facenda cos traballadores e cos Sindicatos era telo rematado nun par de meses e en cambio queiran subir 50.000 € para adicar a festexos.

Para rematar, dicir que este é o “goberno da contradición” que pasaron de criticar ós gobernos anteriores porque gastaban moito en festas a estar os tres grupos, BNG, PSOE e ART, dacordo para querer gastar en festas mais de 250.000 € e non pasa nada, e en cambio non dotan con mais diñeiro partidas sociais, como a axuda de emerxencia, ou a partida para vivendas sociais, ou para comedores escolares e incluso para o emprego.