Nos Orzamentos 2016 aprobados polo Goberno non aparece partida económica para retribuir a Paga Extra do ano 2012 ós funcionarios

  • O Goberno “pasou por alto” as propostas dos concelleiros do PP para que se incluísen cartos no Orzamento para o pago da Extra 2012 dos funcionarios e agora está obrigado a facer unha “modificación presupostaria” do Orzamento 2016 recentemente aprobado

Nos Orzamentos para o ano 2016 que acaba de aprobar o Goberno ponteareán non aparece partida económica para poder facer fronte á Paga Extraordinaria e adicional do ano 2012 que os funcionarios do Concello teñen dereito a cobrar neste ano.

Segundo os concelleiros populares, dende as primeiras reunións mantidas no mes de abril, nas diferentes Comisións Informativas celebradas e no propio Pleno de aprobación dos Orzamentos, solicitóuselle ó Goberno que dotase unha partida económica para este concepto, pero tanto o Alcalde como o Concelleiro de Facenda negáronse a facelo, sostendo que non facía falta.

O certo é que finalmente nos Orzamentos non existe dotación económica para retribuír a Paga Extraordinaria do ano 2012, e a única opción que lles queda ó Goberno é levar ó Pleno unha “modificación Presupostaria”.

O Partido Popular acaba de presentar polo Rexistro Xeral de Entrada unha Moción a tratar no próximo Pleno para que urxentemente o Goberno faga unha modificación do Orzamento 2016, que permita ter dispoñibilidade de fondos para pagarlles ós traballadores funcionarios a parte adicional da Paga Extra do ano 2012 de xeito inmediato.