20150904 090227

O PP de Ponteareas presentou ante o Xulgado un Recurso Contencioso-Administrativo contra a aprobación do Orzamento 2016

O grupo municipal do PP presentou, no día de hoxe, ante o Xulgado de Pontevedra un Recurso Contencioso-Administrativo contra a “aprobación dos Orzamentos, Cadro de Persoal e Bases de Execución para o ano 2016” tramitada polo Goberno local con informes técnicos desfavorables e que o Goberno “pasou por alto”.

Os concelleiros do PP como membros da Corporación municipal están lexitimados para impugnar calquera acordo, que como este, infrinxe o ordenamento xurídico.

Hai que recordar que este documento foi aprobado no Pleno municipal cos únicos votos dos concelleiros do goberno, xa que os restantes membros da Corporación (PP, ACIP e EU) non o apoiaron, e o Alcalde viuse na obriga de utilizar o seu “voto de calidade” para poder “sacalo adiante”. Por tanto, un documento de tanta importancia para un Concello, non conta co apoio maioritario.

Esta falta de apoio é o reflexo dun documento que “non foi consensuado” cos restantes concelleiros, que non foi tramitado de xeito “transparente” pois non tivemos acceso a moita documentación, que non reflexa a “realidade económica” do Concello porque lle faltan moitas partidas e outras son insuficientes, que tampouco cumpre co “Plan de Saneamento econ-fin 2014-16”, e xa finalmente porque ten informes técnicos desfavorables.

O Partido Popular lamenta a actitude deste goberno de “tirar para diante”, sen ningún tipo de “rigor”, sen analizar as consecuencias de adoptar acordos fóra da Lei, e non deixa a este grupo político máis camiño que recorrer á vía xudicial para que o Sr Alcalde poña orde nos trámites e nos procedementos no noso Concello, así como cumpra coa Lei de Transparencia e non impida ós concelleiros da oposición acceder á documentación.