O Goberno BNG-PSOE-ART xunto con EU votan en contra de que a Deputación manteña as axudas aos colectivos veciñais

 

  • Os Concellos non poden investir en obras e proxectos que non sexan de titularidade municipal, e sen a liña de axudas da Deputación os colectivos veciñais, culturais, deportivos, …, quedan se posibilidade de que se lles subvencionen obras básicas e necesarias

No Pleno Extraordinario da Corporación municipal celebrado este martes, os membros do grupo do goberno local (BNG, PSOE e Riada do Tea) xunto con EU votaron en contra á proposta presentada polo PP na que se instaba á Deputación de Pontevedra a que recupere o Plan de Acción Comunitaria para este ano 2016  e convocatorias sucesivas, e que conceda as axudas de forma directa ás asociacións.

Esta liña de subvencións directas do ente provincial,  denominado Plan de Acción Comunitaria (PAC), destinado ás  asociacións da provincia beneficiaba a preto de 300 colectivos de toda a provincia e eran fundamentais para  sustentar e impulsar as iniciativas das asociacións veciñais, culturais, deportivas ou sociais da provincia, que atopaban neste apoio a oportunidade de desenvolver iniciativas tan importantes e necesarias como a mellora de traídas de augas, de camiños, rehabilitación do patrimonio parroquial ou mesmo o arranxo e equipamento das propias casas veciñais.

Os gobernos do Partido Popular na Deputación de Pontevedra apostaron durante anos polo Plan de Acción Comunitaria como unha ferramenta para mellorar o medio rural e as barriadas urbanas, mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles que lles permita aos seus habitantes unhas adecuadas condicións de vida; e para dinamizar ás propias agrupacións de veciños, co obxecto de aumentar a súa capacidade de xestión e de resolución de problemas, fomentar a súa participación nos distintos ámbitos de actuación e propiciar a súa sustentabilidade.

Pero este apoio desapareceu co actual goberno bipartito da Deputación de Pontevedra, que eliminou dun plumazo unha liña de axudas que eran básicas e necesarias para reforzar os pequenos investimentos en zonas do rural, e dese xeito, igualar as oportunidades entre o rural e o urbano. E o fixeron da peor forma posible, deixando á marxe ás propias asociacións veciñais que a día de hoxe son alleas a esta decisión, porque nin se lles ofrecen as razóns que levaron a eliminalas, nin se lles deixa argumentar a necesidade de seguir contando con elas. Desde a Deputación argumentan que refundiron todos os plans no Plan Concellos 2016 para que sexan os propios concellos os que prioricen o investimento, pero esquecéronse de que os concellos non poden investir en obras e proxectos que non sexan de titularidade municipal, polo que estes colectivos quedan se ningunha liña de investimento que lles axude a subvencionar aqueles proxectos e obras básicas e necesarias para o desenvolvemento do rural.