Pleno 0915

O Pleno municipal aproba por unanimidade a proposta do PP sobre a bonificación nun 95% do Imposto de Plusvalías dos terreos

  • Esta reducción na carga fiscal das transmisións por herdanzas favorecerá considerablemente os nosos veciños e é a liña que o Concello debe seguir a partir de agora porque se remata a finais deste ano o pago das débedas históricas deste Concello.

No Pleno municipal celebrado este martes os membros da Corporación municipal por unanimidade aprobaron a proposta presentada polos concelleiros populares para que se leve a cabo a modificación da Ordenanza do Imposto sobre o incremento do Valor dos Terreos de natureza urbana, ou tamén chamado Imposto de Plusvalías, e se inclúa unha bonificación do 95%, tal e como permite a Lei.

É moi importante, afirma a concelleira Belén Villar, que de xeito urxente o Goberno, e concretamente a Concellería de facenda, fagan esta modificación na ordenanza para que aquelas persoas que reciban unha herdanza non teñan que pagar polo incremento do valor dos terreos urbanos, porque continúa explicando a concelleira, moitas veces un veciño recibe un patrimonio dos seus pais e non ten diñeiro para pagar o imposto, co cal ou ben renuncia á herdanza ou ben ten que malvender algunha das propiedades para poder pagar o imposto.

O grupo popular propuxo esta medida que repercutirá positivamente nos veciños de Ponteareas, porque nestes momentos a situación económica do Concello é mellor e porque é a liña que o Concello debe seguir a partir deste ano no que finaliza a execución do Plan de Saneamento Económico 2014-2016, e que suporá finalizar o pago das débedas históricas e polo tanto rematar cos esforzos feitos durante estes anos para conseguir a débeda cero.