O PP critica a demagoxia do Goberno local nas festas do Corpus Christi, facendo e dicindo o contrario do que pregoaban

 

En resposta as manifestacións feitas estes días nos medios de comunicación por parte da concelleira de Cultura, na que destaca un aforro do 35% no custe das actuacións musicais con respecto ao ano 2015, dicir que, dende o Partido Popular de Ponteareas, sempre estivemos a favor dun gasto racional para as actuacións musicais acordes cunha festa declarada de interese turístico internacional.

O que denunciamos dende o PP é o cambio de postura do actual goberno fronte á postura que mantiñan na oposición, que era non contratar grandes orquestras e actuacións estelares, e investir máis cartos nos auténticos artistas do Corpus Christi, que son os propios alfombristas, amais de insistir que nun momento de crise como a que se vivía debían destiñarse os cartos non a festas senon a emerxencia social  e aos máis desfavorecidos.

A realidade é que este ano, os mesmos grupos que antes criticaban as actuacións do goberno do PP agora están a facer o mesmo, e a pesares de recibir a maior  subvención da historia para esta festa por parte da Xunta, non melloraron a  subvención aos alfombristas, e unha semana despois das festas ainda non lles pagaron, e por outra banda, non destiñaron un euro da programación a actuacións cos grupos de música de mozos de Ponteareas.

No  que atinxe á afirmación do goberno local de que gastou menos cartos nas actuacións musicais do Corpus Christi con respecto a anos anteriores, dicir que ese tema dos custes, cando poidamos dispor dos datos reais xa haberá tempo de cotexalos e de facer balance.

Por último, dicir que o Alcalde e a concelleira de cultura saíron na prensa gabándose de fomentar a internacionalización do Corpus Christi, mais este ano non se contou cunha delegación estranxeira que aportara unha visión distinta do alfombrismo e da arte efémera acordes coa única festa de Corpus Christi recoñecida como festa de interese turístico internacional.

Non facer nada, debe ser a maneira deste goberno local de levar a cabo a promoción e facer máis atractiva se cabe unha das máis senlleiras e recoñecidas manifestacións do alfombrismo mundial.

Desde o Partido Popular, unha vez máis, queremos recoñecer o traballo inconmensurable dos alfombreiros e alfombreiras que, pese á adversa climatoloxía, foron quen de confeccionar unhas fermosas alfombras para o paso do Santísimo.