Alfombra2 Corpus Ponteareas

Sorpréndelle ao PP a programación da festa do Corpus Christi 2016

O Portavoz do PP de Ponteareas, Salvador González Solla, sorpréndese de que o actual goberno municipal (BNG, PSOE e Riada do Tea) que durante a lexislatura pasada nos criticaban e dicían que gastabamos os cartos en grandes orquestras e actuacións estelares e que se invertía pouco nos auténticos artistas do Corpus Christi, que son os propios alfombristas; este ano, apesares de recibir a maior subvención da historia para esta festa, o goberno local non lla traslade aos propios alfombristas, mantendo a mesma subvención que en anos anteriores; aínda por riba, cando durante o goberno do Partido Popular, se fartaban de criticar e de esixir maiores subvencións para os alfombreiros e alfombreiras dos Corpus Christi de Ponteareas.

No que atinxe a programación das orquestras para este ano, dende o PP non entenden o cambio de criterio das forzas políticas do goberno local, sen ir máis lonxe, o ano pasado, non se podía traer á orquestra Panorama porque había que destinar eses cartos para axudas de emerxencia social e para os máis desfavorecidos, agora, un ano despois, que pasa? Xa non hai emerxencia social no noso Concello? xa se acadou o pleno emprego?… Sen embargo, seguen empregando a mesma cantinela cos colectivos sociais, deportivos, culturais e veciñais do noso concello: NON HAI CARTOS!… de todos os xeitos, estamos moi lexos de que o goberno mude de aptitude, e esperamos que con esas actuacións e co traballo desinteresado dos alfombristas ponteareáns, o Corpus Christi represente unha oportunidade para o comercio e para hostalería de Ponteareas que está a sufrir, nas súas propias carnes, a crise económica, tamén de ideas e de colaboración do Goberno local.

Polo tanto, este Goberno ten que dar moitas explicacións, xa que parece mentira, que cando non gobernan son os que encabezan solidariedade, a participación, o asociacionismo… e agora que están no goberno, van vendendo fume. O que queremos deixar claro é que esta, é unha crítica ao Alcalde e aos seus Concelleiros, á demagoxia dun goberno que na oposición tiña un discurso e agora no goberno, ten  outro.