GRUPO PP PLENO

O PP leva ó Pleno a modificación urxente do Imposto de Plusvalías para que as herdanzas de pais a fillos estén bonificadas nun 95%

 

  • Con esta medida un veciño do noso Concello cando reciba unha herdanza dos seus pais non terá que pagar polo incremento do valor dos terreos e vivendas que recibe.
  • Esta reducción na carga fiscal das transmisións por herdanzas favorecerá considerablemente os nosos veciños e non afecta ó equilibrio presupostario do Concello

O Partido Popular ven de presentar unha moción ó Pleno municipal para que o Goberno leve a cabo a modificación da Ordenanza fiscal do Importo sobre o incremento do  Valor dos Terreos de Natureza Urbana, co fin de que se estableza unha bonificación do 95%, tal e como permite a Lei, e os nosos veciños no caso das herdanzas non se vexan obrigados a pagar cantidades no imposto, que en moitas ocasións son inasumibles.

Cando recibimos unha vivenda en herdanza, existe o Imposto de Sucesións e a maiores existe outro tipo impositivo municipal que é o Imposto do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (ou plusvalía municipal).

No caso do Imposto de Sucesións en Galicia a Xunta de Galicia, dende o 1 de xaneiro deste ano aprobou unha importante rebaixa no mesmo, de xeito que os primeiros 400.000 € das herdanzas de ascendentes, descendentes ou cónxuges estarán exentas, fronte ós 125.000 € que era ata agora por cada herdeiro.

No caso do Imposto do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, este grava o incremento do valor que experimentan ditos terreos sempre que teñan carácter urbano (os rústicos non están suxeitos) e que se pon de manifesto a consecuencia da transmisión da propiedade, tanto na compra-venta como no caso das herdanzas. A cuantía a pagar calcúlase sobre o valor catastral e o número de anos que se tivo en propiedade o inmoble.

Segundo a Concelleira do Partido Popular, Belén Villar, é importante que na ordenanza municipal do Concello de Ponteareas se recolla esta bonificación do 95% para que aquelas persoas que reciban unha herdanza non teñan que pagar polo incremento do valor dos terreos urbanos, porque moitas veces un veciño recibe un patrimonio dos seus pais e non ten diñeiro para pagar o imposto, co cal ou ben renuncia á herdanza ou ben ten que malvender algunha das propiedades para poder pagar o imposto.

Esta medida non afecta de xeito importante as arcas municipais nen o equilibrio presupostario do Concello, e xunto con outras medidas xa adoptadas polo goberno popular en anteriores lexislaturas, como a baixada do tipo impositivo para o IBI (Imposto de Bens Inmobles) ó 0,4%, que é o mínimo legal a aplicar, supón continuar na liña de reducir as porcentaxes que se pagaban con anterioridade, e que é a liña na que o noso Concello  debe estar despois do esforzo feito nos últimos anos para conseguir a débeda cero.

Este imposto de plusvalías está en vigor no noso Concello dende o ano 2000 e agora é posible aplicar esta bonificación porque a Lei así o contempla e porque o noso Concello despois da adopción das medidas dun Plan de Saneamento aprobado na lexislatura pasada está en condicións de asumir esa reducción impositiva.