O PP afirma que o traxecto da Senda do Tea Padróns-Fozara non foi cambiado e é o mesmo que se vai executar agora.

  • É un proxecto que está aprobado dende a lexislatura pasada polo Goberno do PP, que conta con financiación e con todas as autorizacións.
  • O PP acusa ao alcalde de querer facer seu o proxecto de ampliación da Senda do Tea dende Padróns a Fozara

Despois do anuncio realizado polo Alcalde, nestes últimos días, nos medios de comunicación, sobre o inicio da obra de ampliación da Senda do Tea dende Fozara ata Padróns, un tramo que segundo as súas propias palabras “é non agresivo”, o Partido Popular quere deixar claro que o proxecto aprobado polo anterior goberno popular xa  evitaba pasar por zonas inundables.

Polo tanto, unha vez máis o Sr. Represas pretende facer seu un proxecto aprobado e co financiamento conseguido polo anterior goberno, tratando de enganar aos veciños con falsas afirmacións, como que “este é un proxecto distinto do que fora iniciado polo goberno anterior”.

Segundo o PP, o Sr. Represas sabe moi ben que o proxecto de ampliación da Senda Padróns-Fozara, non pasa por ningunha zona inundable e que se trata do proxecto aprobado polo goberno anterior. Proxecto que dende o primeiro momento da súa redacción xa cumpría esta condición, e o único cambio que daquela se incorporara fora a ampliación da senda ate a ponte de San Xoán.

As autorizacións necesarias para a execución deste proxecto xa quedaron xestionadas na anterior lexislatura polo goberno do PP, tanto coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, como coa Xunta de Galicia e por suposto coa autorización dos veciños das parroquias de Padróns e Fozara para a consecución dos terreos necesarios. O único que faltaba era licitar a obra.

Do mesmo xeito, hai que dicir, que este proxecto conta coa financiación necesaria para a súa realización, que ascende a 216.000 euros, e que foi tamén xestionada polo anterior Goberno do PP fronte a Deputación que aportou o 100% dos cartos necesarios.

Esta obra que unirá a senda dende Ponteareas ata Mondariz, pasando por Mondariz Balneario, leva incluído unha importante actuación no entorno da área recreativa do Cristo do Piñón, a petición dos veciños de Chan de Gándara (Padróns), para por en valor dita zona.

Dende o PP queremos denunciar a actitude deste goberno que despois de moitos meses de espera para que tomase por fin a decisión de licitar a obra, intenten buscar desculpas afirmando que o proxecto é distinto, cando saben perfectamente que isto é falso, xa que tanto as autorizacións como os terreos dispoñibles corresponden ao proxecto xa aprobado polo goberno anterior, e de existir algún pequeno cambio de trazado precisarían de novas autorizacións e da dispoñibilidade doutros terreos.

Por último, respecto ao tramo da Senda dende Ponteareas ata Padróns, dende o PP pídeselle ao goberno local que, dunha vez por todas, acondicionen e reparen todas aquelas zonas danadas para que o antes posible os usuarios poidan transitar con total seguridade, xa que son moitos os veciños e veciñas do noso concello e de fóra os que a utilizan.