O PP aplaude o cambio de postura do BNG e PSOE ante a aprobación provisional do PXOM

 

  • O PP alégrase polo cambio de postura do BNG e do PSOE ante a aprobación provisional do PXOM de Ponteareas, o que ven a demostrar que unha cousa é facer política do non polo non e outra ben distinta: gobernar.
  •  O PP denuncia que non se contestaran aínda todas as alegacións presentadas a pesar de que este goberno na oposición esixíao como condicionante para dar o seu apoio.

 

O Grupo Municipal do PP alégrase do cambio de postura, no ultimo pleno, tanto do BNG como do PSOE, no apoio á aprobación provisional do PXOM, demostrando que unha cousa é facer política do non polo non e outra ben distinta é gobernar.

Para o PP resulta curioso este cambio de postura co PXOM e quere recordarlles a estes dous partidos, que cando estaban na oposición, tan só fai uns poucos meses, antepoñían o seu apoio á aprobación provisional do PXOM ao cumprimento de dous condicionantes absolutamente necesarios e irrenunciables: o primeiro, a vinculación da aprobación do Plan Parcial da Lomba a aprobación do PXOM e, segundo, a que se enviasen de maneira urxente todas as resolucións das alegacións presentadas polos alegantes antes da aprobación provisional.

A realidade, despois de 7 meses, foi ao final ben distinta, nin sequera tramitaron o Plan Parcial da Lomba e nin tan sequera enviaron, ata o dia de hoxe, ningunha das contestacións das alegacións, xustificándose para elo, para o primeiro: no elevado custo do proxecto do Plan Parcial e, para o segundo: que na Lei do Solo non di nada da obrigatoriedade de enviar as contestacións das alegacións antes da aprobación provisional polo Pleno.

Pero, o que si realmente sucedeu, foi que coa recente aprobación da nova Lei do Solo no Parlamento de Galicia este pasado 9 de febreiro, non tiñan máis remedio que levalo á Pleno, para aprobalo con anterioridade a esta data, xa que se non, o documento elaborado e tramitado practicamente polo goberno do PP non serviría para nada, polo que aproveitaron dito documento introducindo pequenos cambios pouco significativos, que non modificaron para nada o modelo territorial proposto na aprobación inicial, tal e como recollen os diferentes informes técnicos e xurídicos incluídos no expediente de tramitación.

Polo tanto, o PP quere deixar claro que grazas a súa responsabilidade, este Plan se puido  aprobar coa maioría absoluta do Pleno necesaria e obrigada, xa que, se o PP fixera o mesmo que o BNG e o PSOE cando estaban na oposición, buscando desculpas para non apoiar o Plan, este documento seguiría estancado.

Segundo, Salvador González, portavoz do PP, “nós non cambiamos de criterio, nin inventamos, nin buscamos falsas desculpas, segundo esteamos na oposición ou no goberno, a diferenza do goberno actual que si cambia de criterio moi facilmente, como así o vén demostrando nestes 7 meses, como no asunto da aprobación da ordenanza reguladora do servizo de taxis, ou na aprobación da Conta Xeral do ano 2014 e, agora, na aprobación provisional do PXOM.

Para rematar, o GM do PP pídelle a este goberno, que xa que votou a favor deste Plan, que o defenda, para o bo e para o malo, e non o utilicen segundo lles conveña politicamente, aínda que só sexa por responsabilidade e seriedade, a mesma que mostrou o PP en todo o proceso de elaboración, tramitación e aprobación do PXOM.