O servizo de mantemento da Rede de Saneamento sempre existiu e supón unha partida económica importante para o Concello

O portavoz do PP, Salvador González Solla, sae o paso das manifestacións vertidas nos medios de comunicación nos pasados días polo Sr Represas en relación ó mantemento do saneamento, que do mesmo xeito que noutras cuestións, o alcalde en vez de xestionar e gobernar, busca culpabilizar de todo o PP.

Neste caso, o alcalde ven de afirmar que toda a rede de saneamento se encontra en mal estado, cando isto non é certo pois gran parte da rede no casco urbán é nova grazas as inversións que o goberno do PP leva feito durante os últimos anos, e no caso daqueles tramos da rede de saneamento que son antiguos o goberno actual deberá buscar financiación para cambialos ou reparalos, pero esta cuestión entra dentro da propia xestión do concelleiro que leva o saneamento, que neste caso é o Sr Represas.

Segundo Solla, sempre existiu un mantemento da rede de saneamento, e sempre se resolveron os múltiples atascos que se producen nas rúas. E dado o coste económico que supuña esta partida de mantemento e desatascos, o goberno anterior buscou alternativas á empresa que prestaba o servizo inicialmente, para conseguir un bo servizo con un menor coste, e incluso iniciou o trámite de elaboración dunhas bases para sacar o servizo a licitación pola importante partida económica que supuña este servizo e pola necesidade de dotalo de cobertura presupostaria adecuada.

E novamente, afirma o portavoz do PP, encontrámonos con un alcalde que pretende evadirse das súas responsabilidades como alcalde e tamén como concelleiro do servizo, e tal e como nos ten acostumbrados busca culpabilizar de todo ó anterior goberno, incluso daquelas cuestións que como él ven recoñece son “mantementos” dos servizos, que existían na anterior lexislatura e que van  a continuar existindo nesta.