O PP acusa ao Alcalde de mentir en referencia a que o soldo de alcalde se dedique á creación de emprego

O Partido Popular de Ponteareas acusa ao Alcalde e ao goberno que durante estes meses veñen utilizando a información municipal dun xeito interesado e torticeiro, tratando de confundir aos veciños/as con datos e informacións falsas, para ocultar así a súa incompetencia.

Un asunto do que fixo moita propaganda o actual goberno municipal, pretendendo confundir os veciños, foi o referente á “renuncia do soldo do Alcalde para dedicalo a creación de emprego”. Un asunto, no que ao final se comproba a gran mentira do Sr. Represas xa que non existe tal aforro no gasto do goberno, pois o diñeiro que deixou de cobrar o Alcalde pola súa dedicación, que eran 39.000 euros brutos, gastárono en dúas dedicacións máis aos concelleiros do goberno, pasando de 4 dedicacións na lexislatura pasada a 6 dedicacións na lexislatura actual e incrementando ademais, as retribucións polas asistencias a plenos, comisións informativas e xuntas de goberno local nun 43%, cousa que ao Alcalde lle interesou pois ó non ter dedicación está cobrando por ditas asistencias nas que o Alcalde é o presidente nato en todas elas.

Polo tanto É MENTIRA que o soldo do Alcalde se dedique á creación de emprego, principalmente porque este se gastou nos restantes soldos dos membros do goberno e no pago dos trienios da Concelleira de Ensino. E si se destinan algúns cartos á creación de emprego, estes cartos son doutras partidas presupostarias, pero non do aforro do soldo do Alcalde, nin do gasto do goberno.

Ademais para o PP, o que si queda patente deste goberno BNG-PSOE-ART é o manifesto cinismo co que actúan, xa que mentres por un lado critican os recortes nos servizos públicos, por outro sen ningún tipo de reparo nin pudor incrementan as dedicacións e as asistencias, sendo o goberno ata a data, co maior número de concelleiros/as con soldo a costa do peto de todos os veciños/as, demostrando que o pacto que asinaron no seu dia, foi ante todo, un pacto de conveniencia para impedir a entrada do PP no goberno e a súa vez un pacto de reparto económico entre todos eles. Razón esta, pola que ao PP non lle estraña que este goberno faga alarde público do seu bo entendemento e estabilidade, xa que o único que inicialmente lles preocupou foi cobrar, e o exemplo está en que dos 4 concelleiros do PSOE 3 cobran retribucións, dos 5 concelleiros do BNG dúas concelleiras tamén e o único representante da ART tamén cobra soldo.

E por si fose pouco, para o PP e para os veciños e veciñas de Ponteareas, o que resulta menos entendible é que certos concelleiros/as do goberno perciban retribucións máis alá do estritamente necesario, xa que polo menos 2 concelleiros/as do goberno están a percibir dúas retribucións de dúas administracións públicas, superando os 50.000 euros brutos anuais. Cuestión esta, pola que ambos deberían explicarlles os veciños/as, aos máis desfavorecidos, aos desempregados desta vila e aos seus votantes porque tomaron esta decisión, cando os partidos chamados de esquerda que representan, vanglórianse de defender a equidade, a solidariedade, a xustiza e emerxencia social.

Dende o PP nos preguntamos como o Alcalde e o seu goberno poden defender eticamente esta maneira de actuar cando, daquela, na oposición o BNG e o PSOE criticaban ao anterior Alcalde e os concelleiros do PP, con retribución, que só viñan ao concello a cobrar. INCREIBLE.