PORTAVOZ PP

O PP pídelle seriedade e coherencia política ó Goberno no referente ás dimisións que pide dos concelleiros

No Pleno Ordinario da Corporación Municipal de Ponteareas celebrado o pasado dia 20, onde o BNG levaba na orde do día a reprobación e petición de dimisións do ex-alcalde, Salvador González Solla, e a ex-concelleira de facenda, Belén Villar, o portavoz do PP manifestou que, segundo o Ministerio Fiscal, os feitos investigados en Ponteareas, non teñen conexión xurídica co investigado en Vigo.

Solla continuaba, dicindo que resultáballe sorprendente que o Goberno Municipal pedira a súa dimisión inmediata, sen tan sequera estar aínda imputado, cando, curiosamente, noutros Concellos como o de Pontevedra, gobernado polo BNG ou o de Vigo, gobernado polo PSOE, onde xa hai imputados, nin o Sr. Represas nin a Sra. Garrote, nin dan explicacións, nin lles piden as dimisións aos seus compañeiros de partido, aínda que tan só fora por coherencia política.

Para o portavoz do PP resulta tamén sorprendente que o Goberno Municipal fose o primeiro en anunciar a creación dunha Comisión de Investigación, cando nos Concellos de Vigo e Pontevedra, os seus compañeiros no goberno, acababan de rexeitalas.

Recordáballe tamén Solla, que non foi o goberno municipal do PP quen aprobou a ampliación do contrato da ETAP, porque non era a súa competencia, se non que foi o Pleno da Corporación Municipal quen aprobou dita ampliación, coa maioría absoluta da Corporación e co voto favorable do PSOE e, por suposto, con todos os informes municipais favorables.

Para o PP, o primeiro que debería de facer este Goberno é predicar co exemplo e se fosen un goberno serio e coherente co que di, co que fai e co que defende en Ponteareas, deberían tamén pedirlles publicamente as dimisións ao Alcalde de Vigo e aos seus tres concelleiros de goberno do PSOE, que si están imputados; ao Alcalde de Pontevedra e aos seus dous concelleiros de Goberno que tamén están supostamente implicados coma nós.

Para o PP de Ponteareas, isto non é máis que un claro exemplo de como actúa o BNG e o PSOE de Ponteareas, segundo estean no goberno ou na oposición e segundo lles afecte ou non lles afecte. Aínda que, o que máis nós sorprende ao PP é que no famoso Acordo de Goberno Tripartito, asinado tan só fai 4 meses e que se atopa colgado na páxina web do Concello, acordaron entre outras cousas:

“ 1º. Principios transversais do Goberno de Coalición:

“Os membros do goberno dimitirán de forma inmediata ante a apertura de XUÍZO PENAL en delitos relacionado con corrupción, prevaricación, tráfico de influenzas, enriquecemento ilícito, soborno, malversación e apropiación de fondos públicos…”.

Cuestión esta, que para o PP resulta curiosa e sorprendente, xa que este goberno só piden as súas propias dimisións cando se lles abra xuízo penal e, en cambio, cando estes sexan concelleiros da oposición, neste caso sen tan sequera estar imputados, xa dende o primeiro momento pídenlles as súas dimisións, o que demostra que este goberno aplica dúas varas de medir, ou o que é o mesmo, cambia as regras do xogo segundo lle interesa.

Tamén no Pleno, Solla deixou patente que el nunca estafou aos veciños e veciñas de Ponteareas, mentres que o Sr. Represas non pode dicir o mesmo, xa que na súa etapa laboral na banca, segundo verbas da súa socia de goberno, a Sra. Garrote vertidas na prensa, acusou ao Sr. Represas de estafador, por vender preferentes aos veciños e veciñas de Ponteareas.

Para o PP queda claro que o BNG con esta moción presentada neste último Pleno, non buscaba esclarecer os feitos acaecidos, xa que para elo está encargado o Ministerio Fiscal, o que buscaba era unicamente facer máis ruído se cabe deste asunto, e continuar coa súa vella estratexia de seguir xudicializando máis se cabe a política municipal, iso si, desta vez parece que será a costa das arcas municipais.

Remataba o Portavoz do PP Salvador González Solla, dicindo que sempre respectou a xustiza, sempre colaborou con ela, e por suposto, que seguirá colaborando con todas aquelas actuacións xudiciais que se leven a cabo neste asunto. A súa vez, afirmaba que non dimitirá, sinxelamente, non só porque non está imputado, se non porque cre que as cousas se fixeron ben.

Finalizaba a súa intervención Solla dicindo, “que todo, absolutamente todo o que fixen neste Concello, durante a miña etapa de Alcalde, sempre o fixen a favor e en defensa dos intereses deste concello e sempre tratando de buscar a mellora do benestar dos nosos veciños e veciñas de Ponteareas”.