Remátanse as obras de construción e ampliación de instalacións deportivas na area recreativa da Freixa

Nestas días rematáronse as obras de construción e ampliación das instalacións deportivas na área recreativa da Freixa cun investimento de 50.000 euros.

Esta obra foi solicitada no seu dia polo anterior goberno do Partido Popular de Ponteareas á Dirección Xeral de Administración Local de Galicia, de acordo co disposto na orde de convocatoria do 22 de decembro de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2015.

Por medio da resolución da propia Dirección Xeral de data 30 de abril de 2015, concedéuselle ao concello de Ponteareas unha subvención por importe de 33.057,85 euros para esta obra, cantidade que representa o 80% sobre o custo do proxecto.

Ademais, daquela, o goberno do PP solicitara a autorización da obra á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e levou ao pleno municipal do 22 de maio a proposta da Alcaldía de modificación presupostaria nº 20, para a dotación do crédito extraordinario complementario de 16.942,15, correspondente ao 20% da aportación municipal á mesma.

Agora, rematadas estas obras, co obxectivo de transformar as dúas pistas obsoletas de baloncesto e de fútbol, en dúas pistas de tenis e unha pista multideportiva, complementando así as dúas pistas de tenis xa construídas no seu dia polo goberno de González Solla.

As actuacións rematadas abrangueron a limpeza e acondicionamento previo do pavimento, ademais da reparación de fochancas e desperfectos existentes, así como tamén a execución dun novo pavimento deportivo multicapa e a instalación do peche das pistas, que será de malla de torsión simple, lacada de cor verde. As obras completáronse coa instalación de redes de tenis, postes, bases e o pintado das pistas.

Para rematar, o PP de Ponteareas quere mostrar a súa satisfacción polo remate doutra das súas obras, planificada, tramitada e dotada co financiamento aprobado polo seu goberno na pasada lexislatura, na que ademais de ampliar o número de instalacións deportivas cumprimos así co noso compromiso co Clube de Tenis Ponteareas, dotándolle a este clube de máis espazos para adestramentos sen perxudicar a aqueles veciños e veciñas que queiran tamén utilizar ditas pistas de xeito particular.