O PP denuncia no Pleno a actitude «prepotente» do Alcalde, impedindo o debate de varias mocións presentadas por este grupo

No Pleno Municipal do pasado martes, día 15, o portavoz da forza política maioritaria, Salvador González Solla, denunciou a actitude «prepotente» do Alcalde á hora de non cumprir cos prazos establecidos nas normativas vixentes, negando reiteradamente a documentación solicitada por este Grupo Municipal para o seu labor de control e fiscalización e, sobre todo, non incluíndo, na orde do día do Pleno, tres mocións presentadas por este Grupo Municipal en tempo e forma, usurpando o dereito democrático que ten este grupo, ao igual que está a facer co resto da oposición.

Para o PP, é moi grave que o Sr. Represas manifestase no Pleno que ditas mocións non foron incluídas na orde do día, alegando cuestións de consenso e de rédito político, cuestións que para o PP non se amparan no cumprimento de ningunha Lei, senón que máis ben é unha decisión unilateral e persoal, incluso, ditatorial, froito da súa prepotencia e afán protagonista.

As mocións presentadas, que o Alcalde se negou a incluílas na orde do día foron presentadas os días 3, 4 e 10 de setembro respectivamente, e trataban de que o Pleno acordase cambiar o nome o tramo da rúa Avenida de Galicia, entre a rotonda do cruce das Neves ata o entronque coa rúa Paseo Matutino, e que se pase a chamar Avenida Rogelio Groba Groba en recoñecemento ao seu traballo en prol da música e cultura galega.

A segunda moción presentada, solicitaba que o Pleno acordase que o novo Parque Forestal Urbano, situado na rúa Trovador Xoán García de Guillade, levase o nome de Gloria Ferro Ucha, en agradecemento pola cesión de dita parcela ao Concello de Ponteareas.

E a terceira moción, solicitaba a comparecencia do Alcalde ou do Concelleiro de Persoal para que explicasen o acontecido co presunto roubo de gasóleo dos vehículos municipais.

Para o PP resulta unha falta de respecto á Corporación Municipal e a este grupo, que o Alcalde pola contra, si levou na orde do día deste Pleno, asuntos con expedientes incompletos, carentes de informes técnicos, asuntos que non foron ditaminados pola Comisión Informativa, e asuntos nos que a Comisión Informativa celebrouse no día anterior ao pleno, saltándose as datas establecidas.

Por último, dicir que o PP denunciará estes feitos nas administracións públicas competentes, ao igual que xa o fixo coa convocatoria da celebración ilegal da Comisión Especial de Contas, onde o Alcalde, a sabendas, incumpriu os prazos establecidos nas normativas vixentes.