20150904 090227

O PP recurre o acordo adoptado polo Goberno local fora da Lei

-O grupo municipal do PP recurre ante a Xunta de Galicia e ante o propio Concello o trámite levado a cabo para a aprobación das Contas do ano 2014, por non cumprir coa Lei e ser un acto nulo.

-O alcalde vulnera o dereito fundamental á participación política na medida en que priva os grupos políticos da Corporación da posibilidade de estudar a documentación durante o prazo establecido na lei.

-O Concelleiro de Facenda terá que dar explicacións no pleno de porqué 3 meses despois non presentou as contas que o goberno anterior lle deixou preparadas.

 

O Partido Popular presentou nos pasados días ante a Xunta de Galicia e ante o Concello de Ponteareas sendos escritos requerindo que se anule e quede sin efecto a convocatoria celebrada da Comisión Especial de Contas, e que o Alcalde proceda a realizar unha nova convocatoria con suxeición aos prazos que se sinalan na normativa.

O PP “non está en contra” das Contas do ano 2014, afirma a concelleira Belén Villar, pero defenderá sempre que se cumpra coa Lei tanto neste trámite como en calquer outro, e responsabiliza ao resto dos grupos de aceptar unha ilegalidade e de consentir que o alcalde lles “manipule” e “usurpe” o seu dereito a coñecer unhas contas que votaron na Comisión Informativa e que non coñecían.

Todos os grupos da Corporación teñen dereito a acceder e a estudar a documentación durante cando menos 15 días hábiles, e o Alcalde tan só lles deu un día para facelo, provocando a vulneración do dereito fundamental á participación política.

O grupo municipal do partido popular amais de recurrir o acordo da Comisión Informativa por incumprimento da Lei, ante o propio Concello e ante a Xunta de Galicia, ven de presentar unha moción para que comparezca o concelleiro de facenda no pleno que se celebrará o próximo martes día 15, e dé explicacións de porqué unhas Contas que o goberno anterior lles deixou preparadas no mes de maio, 3 meses despois téñenas sen aprobar. E cómo pretende culpabilizar da súa incompetencia o goberno anterior, para ocultar o verdadeiro problema do asunto que é que o executivo local esqueceuse de presentar as contas do ano 2014 e nestes momentos corren o risco de perder as subvencións que recibe o Concello, e inclusive que lles reteñan o 100% dos ingresos que reciben do Estado (PIE).