A Xunta concede mais de 112.000 euros para obras de mellora no Mercado municipal

-O proxecto subvencionado agora pola Xunta foi solicitado e tramitado no mes de febreiro pasado polo anterior goberno do PP

 -O investimento total das obras aprobado será de 160.309,82 euros, do cal a Consellería de Economía e Industria aportará o 70% do mesmo, o que se traduce nunha subvención total de 112.216,87 euros.

A Consellería de Economía e Industria ven de concederlle ao Concello de Ponteareas con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751ª.761.3 unha subvención de 112.216,87 euros para o proxecto de “Obras de Mellora no Mercado Municipal” cun investimento total de 160.309,82 euros, que corresponde ao 70% do mesmo

Esta solicitude de subvención foi presentada e tramitada no pasado mes de febreiro polo anterior goberno do Partido Popular ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a concellos de Galicia para a mellora de mercados municipais e prazas de abastos.

O proxecto presentado no mes de febreiro pola concellería de comercio dirixida por Marisol Valado tiña como obxectivo o remate final das obras de reforma integral do mercado municipal de abastos levadas a cabo, complementando así as obras realizadas na lexislatura pasada, que xunto coa que agora se iniciará supón unha inversión superior aos 900.000 euros.

Concretamente estas obras de mellora no mercado municipal que agora, gracias a esta subvención, se van a acometer consistirán na renovación do saneamento e pavimento do solo da planta cero, cambios de alicatados nas zonas de escaleiras e outras, acondicionamento de varios locais libres na planta cero, melloras na planta de carnicerías, adecentamento de postos de venda, cambio de fiestras nas oficinas do departamento de persoal e actuacións de mellora das zonas exteriores do mercado, como os accesos laterais, dotándoos de novas barandillas e aplacado de paredes entre outras melloras.

O Partido Popular quere deixar claro que todos os proxectos aprobados e tramitados no final da pasada lexislatura, que como este entre outros moitos máis, non eran nin fume nin propaganda electoral, tal e como manifestaban daquela en campaña electoral o PSOE e BNG, se non que como se pode comprobar agora, todos estes proxectos son e serán unha realidade en pouco tempo, xa que todos os proxectos, foron froito dunha rigorosa planificación atendendo as prioridades e necesidades do concello e dos veciños e o máis importante que todos contaron coa financiación necesaria para a súa execución ven con fondos da Xunta de Galicia como este, ou ven con fondos da Deputación Provincial de Pontevedra dentro do Plan de Obras 2015.

O Grupo Municipal do PP quere amosar a súa satisfacción e agradecer a Xunta de Galicia a concesión desta subvención que fará realidade o remate final das obras de reforma integral deste emblemático mercado municipal de abastos de Ponteareas.

Tamén queremos dende o PP agradecer aos vendedores do mercado pola paciencia mostrada durante estes últimos anos no transcurso das obras, e animar a todos os veciños de Ponteareas e de fóra a que visiten e compren no mercado municipal, xa que nel atoparán productos de primeira calidade e unha atención personalizada.