O CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas cubrirá e ampliará a súa pista polideportiva

O Concello de Ponteareas vén de aprobar en Xunta de Goberno a adxudicación das obras de ampliación e a cubrición da pista polideportiva do CEIP Fermín Bouza Brey. As actuacións contemplan un orzamento que supera os 188.000 euros e o prazo de execución das mesmas de catro meses.

A pista polideportiva do Fermín Bouza Brey pasará dos 630 metros cadrados actuais a 1.022 metros cadrados. Isto permitirá que os alumnos do centro poidan levar a cabo actividades deportivas nunha superficie rectangular de 20×40 metros, medidas regulamentarias para todo tipo de deporte de pista, dispoñendo, ademais, de suficiente espazo lateral para circular. Esta pista contará cunha cuberta de máis de sete metros de altura sobre o pavimento da mesma.

A cuberta desta pista, que se realizará a dúas augas, estará formada por chapa exterior e interior de aceiro galvanizado e lacado. O núcleo central desta cuberta contará con illante de espuma de poliutireno.

A estrutura estará composta de seis pórticos conformados por pilares e vigas prefrabricadas, perpendiculares ao lado maior da pista deportiva. Os pórticos extremos disporán de pilares intermedios.

Unhas obras que comezarán cando finalice este curso escolar e enmarcadas no conxunto de traballos previstos polo goberno local para a mellora das instalacións deportivas e educativas que, neste caso, suporán un investimento de case 190.000 euros.